Menú Cerrar

Acreditación de Competencias

LogoARA

Mediante o proceso da Acreditación de Competencias, ponse en valor o recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia adquirida a través da experiencia laboral e outras aprendizaxes non formais. Procedemento ARA.

A Orde do 4 de xuño de 2021 regula o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral para unidades de competencia do Catálogo Nacional das cualificacións profesionais no ámbito do sistema educativo da Comunidade Autónoma de Galicia.

http://www.edu.xunta.gal/fp/acredita

A solicitude de participación deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica cubrindo previamente os datos no sistema de información ACREDITACION, desde onde deberá xerarse o formulario normalizado que se presentará necesariamente na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

1. Posuír a nacionalidade española; atoparse incluído como persoa residente comunitaria ou familiar deste, no ámbito da aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de persoas cidadás da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.

2. Ter 18 anos, para as unidades de competencia de nivel 1, e 20 anos para as de nivel 2 e 3.

3. Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias acreditables.

a. Experiencia laboral.

i. Unidades Competencia de nivel 2 e 3. Xustificaranse polo menos tres anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos 15 anos.

ii. Unidades Competencia de nivel 1. Xustificaranse polo menos dous anos, cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total, nos últimos 15 anos.

b. Formación non formal.

i. Unidades Competencia de nivel 2 e 3. Xustificaranse polo menos 300 horas, nos últimos 10 anos.

ii. Unidades Competencia de nivel 1. Xustificaranse polo menos 200 horas nos últimos 10 anos.

4. As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun ciclo de formación profesional ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición.

Tampouco poderán posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial das unidades de competencia que solicita.

Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita.

1.- Asesoramento

Nesta fase, un asesor ou unha asesora axudará ás persoas solicitantes a recompilar todas as probas que poidan achegar para defender e xustificar a súa competencia profesional: proxectos, traballos realizados, certificados oficiais de estudos (poden ser estudos incompletos ou extinguidos), cursos, referencias, informes e certificados dos empregadores. Realizarase tamén un cuestionario de autoavaliación.

A finalidade destes cuestionarios é orientar á xente para que valore se procede presentarse ao procedemento de acreditación de competencias nas unidades de competencia que considere.

Os cuestionarios de autoavaliación son instrumentos de apoio ao procedemento, cuxo obxecto principal é orientar sobre o grao de axuste entre as características da competencia adquirida a través da actividade profesional e o estándar definido para cada unidade de competencia. A puntuación obtida serve para comprobar este grao de axuste, e asemade, constitúe unha información valiosa para a toma de decisións na participación no procedemento.

2.- Avaliación das competencias profesionais

A comisión de avaliación empregará os métodos que considere necesarios para comprobar o exposto na documentación achegada na fase de asesoramento. Poden ser entre outros, a observación directa no posto de traballo, simulacións, probas estandarizadas de competencia profesional ou entrevista profesional.

3.- Acreditación e rexistro das competencias

Cando superes o proceso de avaliación obterase unha acreditación de cada unha das unidades de competencia nas que se demostrou a competencia profesional.

Xefatura do departamento Orientación | Alfonso Villaresorientacion.cifp.imaxe.son@edu.xunta.gal
Xefatura do departamento Acreditación e Probas | Juan Alberto Bellón López