O CENTRO > sobre nós | localización e horario | organización | calidade
A nosa historia
1991 ata hoxE
A necesidade dunha Escola de Imaxe en Galicia foi unha das reivindicacións permanentes nos encontros e debates sobre a imaxe celebrados dende 1984.
O proxecto da Escola de Imaxe e Son da Coruña naceu en maio de 1988 coa constitución dun seminario permanente formado por Xosé Luis Mira, Pepe Coira Nieto, Manuel Abad Abad, Xosé Búa González, Manuel González Álvarez, Antonio Río, Félix Casado Nuñez , Víctor Algibay, Xosé Luis Moar Rivera, e Félix Rodil. En setembro de 1989, convócase o concurso público de adxudicación das obras no recinto do I.F.P. Someso, nun barrio nos arrabaldes da cidade de A Coruña, na confluencia do Martinete e o Birloque e nas proximidades do barrio de Elviña. As súas dependencias pertencían á chamada formación profesional acelerada.
En xaneiro de 1990, publícase no DOG o decreto de creación da Escola e, o 23 de febreiro do mesmo ano, apróbase no BOE o regulamento do Módulo de operacións de Imaxe e Son. O longo de 1990 proseguen as accións administrativas (equipamento, profesorado), ata a inauguración oficial da Escola 14 de febreiro de 1991. Xa recén cumprimos 30 anos!!!
Quen somos
hoxe
O CIFP Imaxe e Son, coñecido tamén polo seu nome “de sempre”, a EIS (Escola de Imaxe e Son) segue a compartir recinto escolar co CIFP Someso.
Que ofertamos
hoxe
Na actualidade, na EIS impártense todos os ciclos formativos superiores da familia profesional de Imaxe e Son:
- CS Animación 3D, Xogos e Contornos Interactivos
- CS Iluminación, Captación e Tratamento da Imaxe
- CS Produción de Audiovisuais e Espectáculos
- CS Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos
- CS Son para Audiovisuais e Espectáculos.
Estes ciclos ofértanse no réxime ordinario e no réxime modular para adultos na modalidade presencial e os de Produción e Animación na modalidade de distancia.
Ademais destes ciclos, no centro realízanse Acreditacións de competencias para profesionais do sector audiovisual, unha formación continua para o emprego ou específica para traballadores do sector, e impártense tamén certificados de profesionalidade do Catálogo nacional das cualificacións.