A Escola de Imaxe e Son da Coruña ( CIFP Imaxe e Son) celebra as Xornadas de Produción de Videoxogos os días 7 e 8 de novembro como parte do proxecto “Elaboración de materiais de produción de videoxogos”, que resultou premiado no programa de premios a proxectos de innovación educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O obxectivo é actualizar a formación de profesores e alumnos e facer “ networking” cos profesionais do sector: Gilberto Sánchez, Xosé Manuel Rey, Enrique Colinet ( Baxayaun), Madelón Lánchez, Sergio Prieto, Miguel Areán, Diego Vázquez, Alberto Vázquez, Víctor García, Diego Cambre, Jacobo Muiño, Antonio Seoane e Luz Castro . Para iso cóntase coa presenza de expertos en financiamento, rexistro de dereitos, deseño de son e deseño de niveis, todo iso no marco da industria dos videoxogos. Como colofón, o segundo día faise un repaso ao estado do sector empresarial en Galicia coa intervención de representantes de empresas asentadas, “ indies” e autónomos. E para os que queiran dedicarse a este traballo nun futuro e deseñar e/ou desenvolver videoxogos, poden coñecer ás asociacións Galicia Game Developers ( GGDevs) e a Asoc. Galega de videoxogos e contidos interactivos ( Videoxogo. gal). Nestas xornadas búscase a extensión da participación a outros centros educativos de estudos análogos de España aos que se convidou para que seguisen o evento a través da web http://streaming.eis.gal. Por agora recibiuse confirmación de asistencia “virtual” de centros educativos pertencentes a Andalucía, Asturias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Castela e León, Murcia e País Vasco. Os alumnos do Centro realizan a emisión do evento como parte da súa formación dedicándose á realización, gravación, iluminación e sonorización das xornadas. O aforo limitado do Centro fai inviable acoller a todo o público que se achegue polo que se habilitou unha aula aparte dentro das instalacións para que se poida seguir a emisión. Aqueles que acudan ambos os días presencialmente teñen a oportunidade de recibir un certificado de asistencia.
XORNADAS DE PRODUCIÓN DE VIDEOXOGOS

Start Time
9:00 am
07/11/2019
Finish Time
8:00 pm
08/11/2019